Monday 13 de May de 2024

Augas de Galicia remata executa unha actuación de mellora e mantemento nun tramo do Río Tambre no concello de Oroso


Augas de Galicia destinou máis de 20.000 euros nesta acción de conservación fluvial que mellorará o estado deste curso fluvial

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Infraestruturas vén de rematar unha actuación de conservación no río Tambre, ao seu paso polo Concello de Oroso. Esta tarefa que realiza Augas de Galicia ten por finalidade evitar posibles asolagamentos nas etapas de choivas abundantes e intensas, xa que o depósito de material nos leitos dos ríos provoca atoamentos.

Neste caso concreto, estase a actuar nun tramo de máis de 200 metros á altura do lugar dos Ánxeles, na parroquia de San Mamede; e os traballos realizados consistiron na retirada de troncos de árbores e polas caídas sobre a canle. Todos estes traballos tiveron un custo de máis de 20.000 euros. Nas imaxes pódese observar a zona na que se actúa.

Cabe recordar que os traballos de roza están recollidos dentro do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia promove.

Pulo ás actuacións de conservación e limpeza
O Goberno galego conta cun Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos. Así, con esta normativa só é necesario que o particular ou administración local correspondente comunique con 15 días de antelación as tarefas a executar a Augas de Galicia. Trátase dunha axilización fronte aos outros trámites, que se traducen nunha duración de entre 4 e 6 meses por expediente.